Un doente aporta unha xunta de goma para arranxar a máquina que precisa no centro de saúde de Ponte Caldelas
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas en nome do equipo de goberno lamenta a mala atención que reciben algúns pacientes no centro de saúde do municipio. Sinala que un paciente, con dificultades respiratorias, viuse forzado a desprazarse en varias ocasións a Pontevedra porque a máquina que precisa para a súa atención no atopábase avariada pola deterioración dunha simple peza, que custa 45 céntimos.
Ante esta situación, o veciño adquiriu a xunta de goma nunha ferraxería e, desde entón, cada vez que precisa dunha sesión leva a peza para poder ser atendido.
Para o alcalde Andrés Díaz este caso mostra a deterioración do servizo e remarca que son numerosas as queixas que chegan ao seu despacho. Os veciños reclaman un horario máis amplo de apertura, denuncian falta de persoal e de material, carencia de especialidades básicas e dun servizo de urxencias, ademais dun exceso de rotación dos profesionais que atenden no centro.
O alcalde remitira a principios de setembro unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Con todo, un mes máis tarde aínda non recibiu resposta. Na misiva, o rexedor reclama melloras tanto na calidade do servizo que se presta aos pacientes como no mantemento do edificio do centro de saúde.