Príncipe Felipe quere converterse nunha "illa ecobiolóxica de residuo cero"
Por Redacción
A Deputación está a estudar as ofertas presentadas por tres empresas interesadas no novo contrato do servizo de limpeza de Príncipe Felipe. Aproveitando a rescisión do anterior acordo con Linorsa -polos seus problemas económicos e laborais-, o goberno provincial apostou por un ambicioso proxecto. Buscan converter o complexo nunha "illa ecobiolóxica", onde non saia ningún residuo orgánico e onde se aposte pola redución do lixo que se xera.
O primeiro paso é a contratación dun novo servizo de limpeza cunhas condicións técnicas diferentes ás tradicionais, xa que terán máis puntuación as propostas técnicas que traballen para unha eficiente separación das fraccións do lixo en orixe.
A día de hoxe, en todo o complexo de Príncipe Felipe xéranse cada día centos de quilos de restos orgánicos (comida e vexetais) que son tratados na súa integridade nos tres composteiros instalados dentro do recinto.
O novo contrato de limpeza quere facer oficial e obrigatorio que as fraccións do lixo estean correctamente separadas en orixe para potenciar a recollida selectiva e preparala correctamente para o tratamento cada unha das partes.
Para iso dará maior puntuación a aquelas empresas que introduzan elementos de pesado das fraccións: a parte orgánica, o papel, o vidro, os plásticos, metais e tetrabricks, así como outros elementos especiais, como pilas e elementos electrónicos ou cueiros e elementos de hixiene feminina.
Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, con estes requisitos do novo contrato preténdese "perpetuar na teoría o que a día de hoxe é xa unha realidade na práctica", que os usuarios de Príncipe Felipe están a separar os residuos orgánicos e que a recollida selectiva está a mellorar substancialmente de forma progresiva.
Desde hai meses elimináronse os colectores do interior de todo o recinto e o lixo vai directamente separado dende os caldeiros dos comedores, oficinas e vivendas dos centros de acollida aos colectores tradicionais que recolle a empresa concesionaria en toda Pontevedra.
En Príncipe Felipe realizan a súa actividade diariamente unhas 1.500 persoas, o que podería ser considerada a poboación dunha pequena vila. Neste sentido, Mosquera salientou que o complexo está a ser o banco de probas do Plan Revitaliza para demostrar que este pode aplicarse en todos os municipios da provincia e subliñou que "estanse a cumprir os nosos obxectivos de maneira sobrada".
Príncipe Felipe xa cumpre cos requisitos que a Unión Europea marca en materia de residuos para o ano 2020, cando os concellos poderían ser sancionados de non preparar para a reciclaxe o 50% do seu lixo.
Os datos do centro socioasistencial son claros: agora mesmo recóllense separados todos os orgánicos (que supoñen un 40% de lixo) e tamén o resto das fraccións, polo que, de ser un concello teríase adiantado catro anos aos requisitos europeos.
Relacionadas:
-
O 19 de decembro remata o prazo para que os concellos se adhiran ao plan de compostaxe
Por Redacción |
-
Persoal municipal e das contratas formaranse no manexo de composteiros
Por Redacción |
-
Máis de 350.000 euros para renovar as cubertas de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |