Os escolares do CEIP de Barcelos xa poden utilizar as novas instalacións da praza
Por Anxo Lourido
Toda a zona reformada na praza de Barcelos poderá ser utilizada a partir desta semana polos escolares do Colexio Público de Barcelos durante o horario lectivo. Este mércores 19 está previsto que a consellería de Educación e o Concello de Pontevedra asinen un convenio que ofrece cobertura legal aos alumnos para que poidan empregar o espazo da zona infantil, as novas canchas de xogos e a zona peonil.
Ata o momento, os escolares non podían utilizar estes espazos durante o horario escolar debido ás condicións que establece a póliza de seguros da consellería de Educación, segundo explicou a concelleira Carmen Fouces.
Ao tratarse de espazos fóra do ámbito do centro, o seguro non cubriría os accidentes que puidesen producirse. Agora, a través deste novo convenio existirá unha corresponsabilidade por parte das dúas administracións, Concello e Xunta de Galicia, no caso de que se rexistre algún incidente.
A concelleira sinalou que a praza tamén poderá utilizarse como aula de natureza porque é un dos espazos con maior número de especies arbóreas na cidade.
Ademais, adiantou que en breve acometerase unha segunda etapa para "permeabilizar" a zona infantil cos novos espazos. Desta forma eliminaríanse barreiras como os sebes para facilitar o paso entre as distintas áreas de xogos para todos os usuarios desta praza ao longo do día.
Relacionadas:
-
Os alumnos de Barcelos estrean a praza como patio do colexio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Proxectan crear un gran parque infantil, de última xeración, en Campolongo
Por Anxo Lourido |
-
Pista libre para que 400 estudantes poidan xogar en Barcelos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A ampliación do parque infantil de Barcelos, pendente dunha visita técnica
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo para utilizar o espazo peonalizado en Barcelos como patio do colexio
Por Alejandro Espiño |