A UNED organiza un curso de comercio internacional
Por Redacción
Galicia alcanzou no ano 2015 o seu récord de exportacións. A comunidade autónoma pechou o 2015 cunhas vendas ao exterior de 18.831 millóns de euros, o que supuxo un aumento do 5,6% respecto de 2014 alcanzando así o seu récord de exportacións. O crecemento do tecido industrial galego e a importancia crecente das súas actividades económicas, dispararon a demanda de profesionais con coñecementos actualizados. Estas cifras, multiplicaron a importancia do comercio internacional na comunidade galega.
Conscientes desta necesidade, o Centro Asociado á UNED de Pontevedra organiza un curso semipresencial de Comercio Internacional, dirixido a profesionais e futuros profesionais que desexen adquirir os coñecementos e habilidades necesarias para afrontar os trámites aduaneiros e optimizar os custos fiscais que leva unha operativa de exportación/ importación, prestando especial atención ao uso do inglés en contornas financeiras.
O curso, que se dividirá en dous partes cunha carga lectiva de 110 horas, está homologado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e habilitará a toda aquela persoa que o supere para formar parte da Bolsa de Xestores de Internacionalización desta institución.
A actividade, dirixida a empresarios e persoal directivo de pequenas e medianas empresas que teñan intención de saír a mercados exteriores, será impartida por tres profesionais de recoñecido prestixio no sector: Ana Díaz-Becerra Martínez, avogada, consultora internacional homologada polo IGAPE e a EOI, consultora externa de Deloitte e profesora na Facultade de Ciencias Empresariais da Universidade de Vigo; Pilar Muñoz, profesora titular no Departamento Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e Martín Vedia Baliñas, especialista en lógística do sector e formador na área de inglés comercial.
A actividade terá lugar do 7 de novembro de 2016 ao 7 de febreiro de 2017 e será 100% online, aínda que se organizaron catro clases presenciais os días 12 e 26 de novembro, 17 de decembro 2016 e 14 de xaneiro 2017. Todas aquelas persoas que non se poidan desprazar ao Centro Asociado poderán seguir estas clases en directo vía streaming.
Relacionadas:
-
A UNED goza dunha "boa saúde" en Pontevedra con case 5.000 alumnos inscritos
Por Redacción |
-
Un estudo calcula que o Porto de Marín xera uns 13.000 empregos na comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Protestas en Pontevedra e Vilagarcía contra os tratados de libre comercio
Por Redacción |
-
As exportacións representan xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas
Por Redacción |