Con armas e a rachar na Ferrería
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo na tarde deste domingo un home por tenza ilícita de armas tras ser sorprendido levando unha pistola para a que non tiña licenza en plena praza da Ferrería.
Segundo informou a Policía Local, todo ocorreu sobre as 18.00 horas do domingo e foi fundamental a colaboración cidadá e a rápida intervención dos axentes da Policía Local de Pontevedra. A combinación de ambos factores permitiu requisar a pistola sen que houbera que lamentar incidentes.
Unha persoa chamou á central de comunicación da Policía Local de Pontevedra alertando de que unhas testemuñas observaran un home na praza da Ferrería cunha pistola. Cando os axentes chegaron á zona, xa non estaba alí, pero algúns cidadáns indicáronlles que se trataba dun home de mediana idade que levaba a arma agochada entre a roupa e marchara camiñando pola rúa Peregrina.
Coa descrición física do home, os axentes realizaron unha batida pola zona e localizárono no cruzamento entre as rúas García Camba e Michelena. Parárono e identificárono, resultando ser un veciño de Marín de 44 anos sen licenza de armas.
Os axentes localizaron a pistola en cuestión na cintura do pantalón. Trátase dunha arma corta Rival Automatic Pistol calibre 6,35 milímetros e tamén levaba un cargador con dúas balas e dez máis soltas no interior dun peto do pantalón. Ao constatar que non tiña licenza, procederon á súa detención.