Pontevedra e Poio vestirán de negro contra a violencia machista
Por Redacción
Tinguir de negro as vilas e cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. É o obxectivo da campaña Negro contra a violencia, presentada este xoves en Santiago e na que participan quince concellos galegos, entre eles Pontevedra e Poio.
A campaña arrancará coa sinatura dun protocolo de colaboración o vindeiro 17 de novembro entre todos os concellos que recolle unha serie de accións conxuntas e coordinadas.
Unha das máis importantes é promover a implicación dos axentes sociais e económicos municipais nesta campaña. No caso de Pontevedra, segundo avanzou Carmen Fouces, xa se están a manter contactos con todo o tecido social da cidade para solicitarlles a súa participación de tal xeito que entre o 18 e o 28 de novembro toda a cidade se tinga de loito.
Ademais, estase a habilitar un espazo específico dentro da web municipal para que os que se queiran sumar á campaña poidan facelo.
Pontevedra valora moi positivamente esta iniciativa para dar unha visión unificada na loita contra a violencia machista, "e coido que esa posición novidosa merece ser apoiada máis alá das opcións políticas de cada quen e dende todos os sectores que se poida", asegura Carmen Fouces, quen defende que unha das fortalezas desta unión é "implicar a toda a cidadanía".
"Este é o camiño que debemos seguir. Se estamos a falar que é un tema de Estado, e constatamos que non se está a dar, os concellos debemos unirmos e dar unha lección de igualdade, democracia e participación", concluíu a concelleira.
O goberno municipal aspira a que todas as persoas que participan na campaña e o comercio empreguen o material para manifestar a repulsa de toda a cidade ante os futuros asasinatos machistas; "para dar unha canle de participación ante estes feitos", algo que máis alá das concentracións "é un reto", asegura Fouces.
Relacionadas:
-
Apoia a sociedade ás vítimas de acoso ou culpabilízaas?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os comerciantes de Poio, de negro para concienciar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
De loito contra a violencia machista
Por Oskar Viéitez |
-
Se es muller... como foi o teu primeiro acoso?
Por Alejandro Espiño |
-
Un poema para Conchi (e contra a violencia machista) no seu cabodano
Por Redacción |
-
Cinco asociacións feministas unen as súas forzas pola igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |