Novos sentidos circulatorios e melloras na accesibilidade da contorna da avenida de Vigo
Por Redacción
O concelleiro de Mobilidade e Obras, Luis Bará, e a concelleira delegada do barrio, Carmen Fouces, convocaron a veciñanza da contorna da avenida de Vigo para falar da mellora da accesibilidade e a mobilidade na zona, é dicir, dos atoamentos seguidos na rúa Herminia Fariña, onde está o aparcamento do Mercadona e o acceso ao IES Torrente Ballester; tramos de beirarrúas estreitos ou en mal estado ou a alta velocidade en tramos próximos ao nó do Pino, entre outros temas.
Bará e Fouces trasladaron aos veciños propostas concretas como a implantación de novos sentidos circulatorios nas rúas Herminia Fariña e Urbano Lugrís e a reordenación do tráfico na zona; o arranxo e ampliación de beirarrúas e a construción de pasos de peóns elevados no eixo Herminia Fariña e Manuel Colmeiro e Bibiano Fernández Osorio-Tafall.
Por outra banda entre a rúa Luís Seoane e o nó do Pino constatouse o paso de vehículos a velocidade perigosa polo que a actuación deseñada para o tramo e a redución dos dous carrís de circulación actual a un e o redeseño do aparcamento que pasará a ser de batería ao tempo que se ampliará a beirarrúa.
Algúns veciños expresaron o seu rexeitamento ás propostas que lles trasladaron os membros do goberno local. Apuntaban que os cambios previstos no tráfico unicamente benefician ao Mercadona mentres que os residentes da zona veranse prexudicados ao ter que dar unha gran volta cos seus vehículos para entrar nos garaxes ou achegarse aos seus portais.
O encontro cos veciños de zona permitiu recoller outras suxestións como que se intensifique a presenza da Policía Local na zona para regular o tráfico e evitar os estacionamentos en dobre fila.