A noite de Samaín deixa en Sanxenxo un regueiro de colectores queimados e danos no mobiliario
Por Redacción
A celebración do Samaín deixou un regueiro de danos no termo municipal de Sanxenxo, sendo Portonovo unha das vilas máis prexudicadas, onde apareceron boa parte das papeleiras rotas e outras arroxadas ás rocas.
A queima de colectores repetiuse non só en Portonovo, senón tamén en diversos puntos de Vilalonga, Sanxenxo e mesmo Areas.
Persoal da empresa concesionaria traballou este mércores coa intención de retirar o material danado, así como na substitución dos colectores esnaquizados, que provocaron ademais un dano importante no asfalto.
Tanto ao concellería de Seguridade como a Medio Ambiente lembran que estas reposicións teñen un elevado custo económico para as arcas municipais, ademais dos inconvenientes que supoñen para o conxunto dos veciños, que durante uns días padecerán as consecuencias da diminución de colectores para o depósito dos residuos.
A edil delegada de Medio Ambiente, Coral González-Haba aproveitou a ocasión para solicitar a colaboración de todos os veciños á hora de "preservar nas mellores condicións os equipamentos públicos xa que ao ser obxecto de vandalismo supón unha carga para toda a cidadanía, xa que a súa reposición pagámola todos e ao final do ano a contía destinada a este tipo de intervencións é considerable, sen contar as horas de traballo empregadas para iso por parte dos operarios municipais".
González-Haba referiuse tamén ás danos sobre o patrimonio, concretamente na fonte situada na praza pública de Vilalonga, que amenceu con pintadas que entrañan dificultades para a súa limpeza ao estar realizadas sobre pedra.