Irmáns macarras buscan bulla ante a Poli
Por Redacción
Un mozo pontevedrés de 23 anos rematou nos calabozos da Policía Nacional tras protagonizar dúas pelexas nocturnas consecutivas en plena rúa. Na primeira enfrontouse ao seu irmán. Na segunda, a varios policías.
Os feitos producíronse sobre as 23.00 horas do luns na rúa Benito Corbal. A Policía Nacional tivo constancia de que había dous individuos causando danos nos vehículos estacionados na vía pública.
Unha patrulla compareceu no lugar e observou dous individuos forcexando entre eles e con aparentes síntomas de encontrarse baixo os efectos dalgunha substancia, tratando un deles de reter o outro.
Os axentes realizaron unha inspección pola zona e localizaron un vehículo co espello retrovisor fracturado e un golpe na porta traseira que podería ter sido causado por unha papeleira que fora arrancada e estaba tirada ao lado do vehículo.
Os axentes procederon á identificación dos dous individuos, que resultaron ser irmáns. O menor presentaba un elevado estado de excitación e agresividade, encarándose en todo momento cos axentes.
Cando se decatou que un dos axentes estaban a inspeccionar o vehículo danado, este rapaz comezou a proferir insultos e ameazas e se abalanzou sobre un axente. Outro policía interpúxose entre ambos os dous para intentar repeler a agresión e causoulle danos nos dedos dunha man.
Tras un forcexo, os axentes conseguiron que subise ao vehículo policial. Previamente informárono de que estaba detido polos delitos de atentado a axente da autoridade e danos.