Máis de un millón de euros para recuperar o Saco de Fefifáns para o marisqueo
Por Redacción
ÿ unha das actuacións máis agardadas polo sector marisqueiro de Cambados. A rexeneración do Saco de Fefiñáns porase en marcha moi pronto. Así o acordaron o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez e o alcalde, Luis Aragunde. Este plan de saneamento, no que se investirán máis de 1,3 millóns de euros, executarase en dúas fases, e os traballos principais poderían comezar en xuño para rematar no prazo de doce meses.
Os primeiros traballos a realizar consistirán na mellora da rede de saneamento na rúa do Río, en Corvillón, seguido da recollida de verquidos no contorno da avenida de Vilagarcía (PO-549), onde seguen fluíndo e desembocando no fondo do Saco. As augas residuais recolleranse e serán conectadas á rede de saneamento existente.
Despois instalarase o novo colector de A Cabana, un depósito de retención de augas unitarias en O Pombal e a mellora do saneamento na rúa Pombal. En total vaise colocar un quilómetro de tubaxes novas, pero a instalación máis relevante será o tanque de tormentas (depósito de retención) con capacidade para 400 metros cúbicos de auga a carón da pista de atletismo do complexo deportivo.
O alcalde Luis Aragunde avaliou como "trascendental este investimento para Cambados", pois considera que "este proxecto é moi ambicioso e importante, sobre todo para o sector marisqueiro que verá como un extenso terreo degradado vaise transformar en fértil para o cultivo do marisco".
O obxectivo consiste en sanear a enseada, mellorar a calidade das augas e facelas viables para o marisqueo, pois actualmente O Saco está cualificado como zona C e preténdese lograr a recualificación como zona B, algo que os técnicos estiman que se podería acadar nun curto espazo de tempo.
Estas actuacións inclúense no Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa, marxe esquerda, que comprende Vilanova, Cambados e A Illa, coa finalidade de lograr o saneamento integral desta franxa litoral. Os Plans de Saneamento da Ría de Arousa conlevan un gasto de 4,2 millóns de euros que se está levando a cabo en distintas fases. Con eles, Francisco Menéndez destacou que a Xunta "fai un esforzo sen precedentes" para o estudo da problemática do saneamento das rías galegas.