Evacuados un menor e dous adultos por inhalación de fume nun incendio en Portonovo
Por Redacción
A primeiras horas desta tarde, veciños da rúa da Perla en Portonovo (Sanxenxo) levaban un importante susto con motivo dun incendio que se orixinaba na vivenda dun edificio desta vila turística.
O lume orixinábase no sofá do salón da residencia familiar por causas que aínda se están a investigar, segundo informaba o Servizo de Emerxencias 112 Galicia, ás 15.26 horas. As lapas provocaron un considerable fume dificultando a respiración dos dous adultos e o menor que se atopaban na vivenda. Un dos afectados retirou o sofá a unha terraza para evitar máis danos no mobiliario da casa. Foi, precisamente, un dos ocuptantes da vivenda quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda.
Ata o lugar achegáronse Emerxencias de Sanxenxo, os Bombeiros do Salnés, a Policía Local de Sanxenxo e unha ambulancia do 061 que trasladou ás tres persoas ata o Centro de Saúde da vila con indicios de intoxicación por inhalación de fume.
ACCIDENTE EN MEAÑO
Ás 16.36 horas producíase unha colisión entre dous turismos co atropelo dun peón en Ponte Dena (Meaño), fronte a Supermercados Lolita, segundo informaba o Servizo de Emerxencias 112 Galicia.
Ata o lugar desprazouse a Policía Local, o grupo de Emerxencias de Sanxenxo e unha ambulancia de Urxencias Médicas.