Félix Juncal garante que acometerá melloras no parque empresarial de Castiñeiras
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantivo no mediodía deste martes unha reunión con representantes da asociación de Empresarios do Parque Industrial de Castiñeiras para tratar diversos asuntos relacionados co mantemento e a mellora das instalacións do parque empresarial de Castiñeiras.
Juncal indicou aos empresarios que espera que a comezos de 2017 se instalen as luminarias que se demandaban polas empresas, que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación, no marco dun proxecto conxunto con varios espazos do municipio e que contempla o cambio de máis de 200 luminarias para reducir o consumo eléctrico.
Tamén se tratou a petición empresarial de converter en aparcadoiro a zona verde situada xunto á nave da ITV, cuxo acondicionamento se prevé para xaneiro do próximo ano.
O alcalde tamén se comprometeu a dirixir escritos tanto á Xunta de Galicia como á Deputación de Pontevedra para que melloren a sinalización ao polígono desde os diferentes viarios. Os empresarios afirman que a actual resulta escasa e, ademais, atópase en malas condicións.