Lores: "Vou facer o imposible, ainda que me leven ao xulgado, para potenciar as empresas da cidade, do meu país"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Vou facer o imposible, ainda que me leven ao xulgado, para potenciar as empresas da cidade, do meu país", asi de contundente falou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ante un auditorio conformado por máis de 130 empresarios procedentes de diferentes puntos de Galicia que participaron este venres nunha reunión de traballo no Parador de Turismo.
O obxectivo do encontro foi "unir sinerxías e xerar novas relacións comerciais", unha idea moi aplaudida pola presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A xuntanza foi promovida por BNI (Business Network International) que é unha organización profesional de "networking", unha forma de coñecer xente nova nun contexto de negocios ou de relacións entre profesionais. De feito, o único obxectivo é fomentar o intercambio de referencias cualificadas de negocios, facilitando así novos clientes para os seus membros a través dun programa estruturado de márketing por recomendacións.
Na reunión do Parador de Turismo de Pontevedra participron integrantes dos grupos de traballo de BNI das cidades de Pontevedra (Grupo BNI Millenium), Vigo (grupos Up e Sinergia), Santiago de Compostela (Grupo Stellae) e A Coruña (Grupo Royale).
En Galicia existen actualmente 21 grupos de traballo (e tres máis en construción) de BNI que aglutinan a unhas 800 empresas, entre as que se atopan as máis de 130 que asistirán ao encontro, e que xeraron desde o inicio da súa andaina en outubro de 2013 máis de 50 millóns de euros de negocio pechado entre elas.
O grupo da cidade de Pontevedra (Millenium) conta con 33 empresas e profesionais.