Unha gala benéfica recadará fondos en Pontevedra para os enfermos neuromusculares
Por Redacción
O Día das enfermidades neuromusculares tamén se conmemorará en Pontevedra. Será o próximo 15 de novembro, pero xa dous días antes -domingo 13- haberá unha gala benéfica que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra, a partir das 17.45 horas.
Trátase dun punto de encontro desde o cal tratar de sensibilizar á cidadanía sobre estas patoloxías, segundo sinalaron os seus organizadores.
Presentada polos xornalistas Fátima Rodríguez e Eugenio Giráldez, a gala contará coas actuacións do grupo de danza Déborah, o mago Javier Muro, o grupo de teatro Artellar, o coro Vía Sete, o cantante e actor Martín Máez e o humorista Pablo Chichas.
Todos os artistas que participan nesta gala fano de forma altruísta e todo o recadado coa venda de entradas irá destinado a manter e desenvolver os proxectos da Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM).
Ademais, o sábado terá lugar no Pazo da Cultura a xornada A importancia do manexo adecuado en pacientes con enfermidades neuromusculares, que contará con testemuños en primeira persoa de afectados e familiares. Xa pola tarde haberá talleres de fisioterapia enfocada a estas patoloxías.
Haberá tamén mesas informativas o martes día 15 en Montecelo e a Praza da Peregrina, onde se realizará unha cadea humana a partir das 19.30 horas. O xoves, esa mesa estará nas inmediacións do Hospital Provincial.