Así son os detritos que se extraen na limpeza dos bombeos residuais da cidade
Por Redacción
O Concello de Pontevedra, a través da empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento municipal, está a levar a cabo os traballos de limpeza dos bombeos residuais en distintos puntos da cidade.
Este traballo realízase despois das primeiras choivas co obxectivo de manter despexada a rede de saneamento e evitar posibles inundacións. Durante estes días está a desenvolverse, a través do uso dun guindastre, a limpeza do bombeo na contorna do Burgo.
Retírase unha importante cantidade de residuos procedentes dos inodoros, normalmente toallitas e outros elementos elaborados con fibras, que poden chegar a afectar o funcionamento diario dos equipos de bombeo. Para realizar este labor é necesario que os traballadores leven protección con máscara para evitar que lles afecte a acumulación de gases.