Un concerto de música clásica sorprende aos pacientes do Hospital Montecelo
Por Redacción
Un concerto de música clásica colleu por sorpresa aos usuarios que agardaban nas salas de espera de extraccións, de Cardioloxía, Neuroloxía e Pneumoloxía do Hospital Montecelo.
David Garrido, co óboe; Xacobe Lamas, co violín, e Víctor Pérez, co violoncello, sorprenderon de cheo aos pacientes, que non dubidaron en gravar a súa actuación cos seus móviles. Os tres son mestres do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.
Estas sesións terapéuticas, que apenas superan os 15 minutos de duración, teñen unha frecuencia mensual e está previsto levalas a cabo en diferentes espazos dos hospitais Provincial, Montecelo e do Salnés, e mesmo se estenderán a algún centro de saúde. Así, o estilo de música e os intérpretes dos micro-concertos variarán en cada ocasión, adaptándose a cada unha das unidades da actividade asistencial e aos pacientes que se atopen nas mesmas.
O seguinte micro-concerto dentro de este programa denominado "Un mes, un son", terá lugar ao longo do mes de decembro, mais o lugar escollido para esta ocasión será de novo improvisado.
Envolver aos pacientes nun ambiente de tranquilidade e confianza durante as súas visitas ou estadías nos diferentes hospitais, aproveitar o efecto calmante da música, ofrecer ao persoal sanitario e aos familiares dos pacientes un contorno musical e cultural agradable, así como levar a cabo as actuacións dende o respecto á calidade humana e artística do servizo, son as principais liñas de traballo desta iniciativa incluída no gran proxecto de humanización que está desenvolvendo a xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés nos seus centros sanitarios.