Cuntis ofrece unha semana de actividades contra o "terrorismo machista"
Por Redacción
Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, a concellería de Igualdade e Benestar Social do Concello de Cuntis realizará numerosas actividades desde o 20 ata o 27 de novembro para sensibilizar aos veciños sobre este grave problema considerado, desde diferentes sectores, como "terrorismo machista".
Neste programa colaboran diversas asociacións do municipio e o CPI Aurelio Marcelino Rey García, con apoio económico por parte da Deputación Provincial.
Ao longo da semana repartiranse lazos violeta por todas as parroquias e establecementos do concello, ademais colocaranse grandes lazos violetas nos edificios públicos durante o 25 de novembro.
O día 19 celebrarase unha mesa de debate baixo o título "Superando os límites de xénero", na que intervirá a presidenta da asociación ARELA, Cristina Palacios e a psicóloga e sexóloga Belén Montesa. Iniciarase ás 20.00 horas.
O 20 de novembro representarase a obra "O segredo de Uxía", a partir das 18.00 horas.
O 25 de novembro celebrarase o concerto "En Clave de Sol", coa participación dos grupos corais de Cuntis e o grupo de pandeireteiras de Arcos. Será ás 21.00 horas.
O sábado 26 ofrecerase a obra de teatro "Pementeiras", ás 20.00 horas.
Todos estes actos terán lugar no Centro Patelas e son gratuítas.
Tamén ao longo da semana levarán a cabo obradoiros destinados á poboación infantil e xuvenil no CPI Aurelio Marcelino Rey. O día 23 haberá unha sesión de conta contos, que terán continuidade durante os días 24 e 25. Ademais os días 25 e 26, a aula CEMIT da Casa do Médico acollerá actividades de concienciación e inclusión para escolares utilizando novas tecnoloxías, coa colaboración de COGAMI.
Ademais desenvolveranse actividades de formación para que as mulleres non toleren situacións de sometemento e malos tratos. Os días 17 de novembro e o 1 e 15 de decembro está previsto un obradoiro "Muller e Poder" no Centro Patelas, mentres que o 2 de decembro terá lugar o foro de debate "O feminismo como modo de vida para eliminar as violencias machistas", coa participación das representantes das principais asociacións de mulleres da provincia. Será tamén no Centro Patelas.