Suma e segue: unha nova causa xudicial investiga toda a contabilidade da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga
As causas xudiciais que cercan a xestión da extinta Cámara de Comercio de Pontevedra van en aumento. Acaba de coñecerse a existencia dun novo proceso -o cuarto xa- que se centra en investigar toda a contabilidade da entidade e que está a adquirir unha importancia cada vez maior a medida que avanzan as indagacións.
A orixe deste proceso é outro dos xa abertos pola xestión da entidade, en concreto, o que se centra en investigar á extinta Cámara de Pontevedra e os seus antigos responsables pola forma en que se xestionaban as subvencións públicas que manexaba a Cámara para a organización de feiras e eventos de similares características, tales como Ferpalia, Pomóvil ou Pontus Veteris, e a empresa externa á que se contrataban.
Esta causa creceu tanto cos novos datos aos que ía tendo acceso tanto a Fiscalía de Delitos Económicos como o propio Xulgado de Instruccón número 1 de Pontevedra que se decidiu debullalo e abrir unha peza separada para centrarse na contabilidade.
Este novo procedemento leva aberto xa varios meses, pero a súa existencia non saíra á luz oficialmente ata agora. No traballo que fan desde a Fiscalía e o xulgado xa se produciron avances e, de feito, o pleno da nova Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía do mes de outubro xa abordou unha petición de información realizada por vía xudicial. PontevedraViva adiantara que o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra pedíralle en polo menos dúas ocasións información, pero os datos que lle remiten non cobren todas as peticións xudiciais, de modo que seguen insistindo.
En canto ao proceso inicial do que partía, que se segue inicialmente polos supostos delitos de malversación de fondos públicos, prevaricación, falsidade documental ou fraude de subvencións, fontes xudiciais confirmaron que xa está moi avanzada e o peche da instrución está próximo.
Queda concretar por que delitos formúlase acusación e contra quen, pois inicialmente prestaron declaración no xulgado en calidade de imputados os ex presidentes da Cámara de Pontevedra Ricardo Mirón e Francisco Moldes; o contable da Cámara, Manuel de Vicente; a secretaria cameral e a súa irmá, Charo e Isabel Lorenzo; e oito integrantes do Comité Executivo da Cámara de Comercio entre 2009 e 2012.
A investigación lévaa un dos dous fiscais de delitos económicos, Jesús Calles, e trata de pescudar como operaba a Cámara á hora de contratar as feiras, que se pagaban con fondos públicos de institucións como o Concello de Pontevedra e deu lugar a facturas corrixidas en varias ocasións.
No caso en concreto da institución local, reclamou á nova Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía o reintegro de 34.772,77 euros do diñeiro que lle entregou en concepto de subvencións para a celebración das feiras Pomovil e Ferpalia nos anos 2010 e 2011 e que, segundo tivo coñecemento a través do xulgado, xustificáronse utilizando facturas logo rectificadas. Finalmente, a entidade con sede en Vigo devolveulle o diñeiro, de modo que indirectamente podería estar a recoñecer algunha irregularidade da que está a investigar a Fiscalía.
Esas presuntas irregularidades que investiga o Ministerio Público detectounas tamén o Consello de Contas nun informe demoledor sobre a xestión económica da entidade que forma parte da causa e tamén da nova que se segue sobre a contabilidade.
Relacionadas:
-
Absolven a Charo Lorenzo e Gómez Rivera na causa por despedir tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo recorre o seu despedimento da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
As frontes xudiciais abertas copan o Pleno da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera, a xuízo por despedir a tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
A Cámara despide a Charo Lorenzo por "quiebra de la confianza" tras a condena por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
O Concello reclama á Cámara de Comercio que lle devolva 34.000 euros non xustificados de subvencións de 2010 e 2011
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo recoñece que cometeu aceptación de suborno como secretaria da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada