"Non hai ninguén que teña máis interese en que o mercado funcione que nós", din as praceiras
Por Alejandro Espiño
O novo regulamento do mercado de abastos terá que esperar. A oposición municipal uniuse para forzar ao BNG para retirar da orde do día do pleno a aprobación inicial deste documento. Fan seus os argumentos das praceiras, que reiteran que esta normativa non foi negociada cos propios usuarios.
Celia Abal, unha das portavoces dos profesionais que traballan no mercado pontevedrés, explicou que "non houbo consenso con nós" para modificar a normativa e recoller as súas achegas para optimizar o mercado, xa que "fixeron todo por atrás".
As praceiras, tras o adiamento da aprobación inicial do regulamento, reclaman ao equipo de goberno que abra unha mesa de negociación, na que estean presentes tamén todos os partidos da corporación, para ver que puntos desta nova normativa "son bos" e cales habería que cambiar.
"Nós non queremos rebentar o mercado. Non hai ninguén que teña máis interese en que o mercado funcione que nós", afirmou Celia Abal, que este luns acudiu ao pleno acompañada de varias compañeiras para denunciar que "están a modificar todo sen contar con nós".
Todas coinciden na necesidade de lograr que o mercado sexa funcional, pero no seu conxunto. "Se facemos que funcione a planta alta pero resulta que os que temos concesións abaixo por 50 anos perdemos cartos, non sería lóxico", asegurou a portavoz das vendedoras, que engadiu que descoñecen os detalles do proxecto presentado polo Concello para rehabilitar a primeira planta do inmoble.
Este foi o último exemplo, destacou Celia Abal, de que para o BNG "acordar é dicir que falamos pero despois facemos ou que nós queremos", porque afirmou que o Concello non tivo en conta as peticións deste colectivo para revitalizar a planta alta do mercado, que pasarían por alugar os postos libres a negocios complementarios ao seu "porque do demais xa somos moitos".
Neste sentido, entenden que iniciativas como a Sétima Feira á planta baixa do mercado, onde traballan a maior parte dos usuarios, "non lle dá vida" senón todo o contrario porque "non temos máis que perdas".
"Temos un problema co equipo de goberno", sinalou Abal, para quen o BNG actúa como unha "ditadura", xa que aínda que entenden que o mercado "é de todos" tamén o é delas porque "estamos a pagar unhas taxas e teremos algún dereito". Neste sentido, afirmou que a "única" persoa que "contou con nós" foi a exportavoz socialista, Teresa Casal.
O concelleiro responsable de Mercados, con todo, asegura que se estivo reunindo coas praceiras desde xuño de 2015. Vicente García Legísima explicou no pleno que, a pesar de que non adoita actuar desa maneira, chegoulles a entrar un primeiro borrador do novo regulamento para que puidesen facer alegacións que, na súa maioría, foron atendidas.
"Non tocarei máis ese regulamento", advertiu o edil do BNG ante o adiamento da súa aprobación inicial porque "a paciencia ten un límite" e entende que o Concello fixo todo o que está na súa man para aprobar unha nova normativa que permita revitalizar as instalacións da praza de abastos.
Relacionadas:
-
Imaxinación e solidariedade na Sétima Feira
Por Redacción |
-
Controis máis duros na praza de abastos de cara á campaña de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
A primeira planta do mercado renovarase haxa ou non novo regulamento
Por Alejandro Espiño |
-
Como é o novo regulamento que se quere aprobar para o mercado?
Por Alejandro Espiño |
-
As praceiras piden paralizar a aprobación do novo regulamento do mercado
Por Alejandro Espiño |
-
Os plenos, ao venres?
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado municipal converterase nun espazo gastronómico sostible
Por Alejandro Espiño |