Menos mortos e feridos nas estradas pontevedresas, pero ollo! chega unha época complicada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As persoas que morreron ou resultaron feridas en accidentes de tráfico estiveron, por segundo día consecutivo, no foco da atención das autoridades pontevedresas. Tras o acto celebrado a nivel municipal este domingo, este luns a Subdelegación do Goberno foi escenario dunha concentración para conmemorar o Día Mundial en recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico nun ano no que, de momento, descendeu a sinistralidade mortal nas vías provinciais.
Segundo os datos facilitados pola xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Liñaxe Calzada, no que vai de ano "descendieron ligeramente" os accidentes con vítimas e o número de feridos en accidentes de tráfico. No caso da accidentalidade mortal, ata este luns 21 de novembro rexistráronse 23 falecidos, isto é, tres menos que no mesmo período do ano anterior.
A pesar de que as cifras son máis positivas que en 2015, a xefa provincial de Tráfico lembra que o ano pasado producírase un repunte da sinistralidade mortal na provincia despois dunha década de continua diminución dos falecidos, de modo que non se pode baixar a garda e o obxectivo segue sendo "mejorar los resultados".
Ademais, María Isabel Alonso insiste en que "nos encontramos ante una etapa compleja"porque nas próximas semanas "van confluir una serie de factores" que "inciden negativamente" sobre a seguridade viaria, entre eles o aumento de vehículos nas estradas con motivo do Nadal ou a ponte da Constitución; o descenso do número de horas de luz diúrna ou as condicións climatolóxicas adversas.
Para combater un posible repunte da sinistralidade, a responsable provincial tamén anunciou que está prevista unha campaña específica de control do consumo de alcol e de drogas entre os condutores e que se vai a intensificar tamén a vixilancia nas estradas provinciais.