Concentración silenciosa en Bueu con motivo do Día da eliminación da Violencia contra a Muller
Por Redacción
O Concello de Bueu únese este venres á conmemoración do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres coa organización dunha concentración silenciosa na Praza do Concello a partir das 11.45. Gardarase un minuto de silencio como repulsa ante todo tipo de violencia, sobre todo, a que se exerce contra as mulleres.
A continuación desenvolverase a representación a cargo dos estudantes do CEIP Montemogos de Beluso da Declaración conmemorativa deste 25-N, organizada cada ano por un centro da vila.
Ás 12.15 horas os actos trasladaranse ao Centro Social do Mar. Alí entregaranse os premios do Concurso de Carteis contra a violencia de xénero, organizado polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) entre escolares de primaria e secundaria.
A Biblioteca Municipal Torrente Ballester acollerá ás 20.30 horas a presentación da novela curta Por amor a ti, meu fillo, de María José Rodríguez Figueiras. Nesta novela, a autora describe a realidade de mulleres e fillos que sofren nas súas propias carnes a violencia de xénero, chegando a situacións que as levan a sentirse anuladas persoalmente.