O pontevedrés Alberte Fernández, novo secretario xeral de Galiza Nova
Por Redacción
A XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, celebrada durante este sábado en Santiago de Compostela, elixiu o pontevedrés Alberte Fernández Silva como novo secretario xeral da organización xuvenil.
A candidatura encabezada por Fernández, integrada por 50 mozos elaborada a través de consenso coas bases, foi a única que se presentou na asemblea.
Despois dunha xornada de debate coa participación de militantes de Galiza Nova, Alberte Fernández clausurou a asemblea marcando como obxectivo relanzar ao BNG entre a mocidade. Na súa intervención sinalou ademais ao nacionalismo como "a alternativa para os problemas do día a día da mocidade galega".
Aos seus 23 anos, Fernández Silva iniciouse no movemento estudantil nacionalista a través dos Comités e a Liga Estudantil Galega, e milita en Galiza Nova desde 2009.
Tamén participou na xornada a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, que animou á xente nova a ser "o motor do cambio" que necesita Galicia.