Falece un home de 36 anos en Meis ao saír da vía o coche que conducía preto do campo de golf
Por Redacción
Un home de 36 anos, veciño de Armenteira en Meis, falecía nas últimas horas ao saírse o vehículo que conducía da estrada EP-9507, no quilómetro 4,200 entre Armenteira e Meis, na subida ao Mosteiro, preto do campo de golf no municipio de Meis.
O vehículo foi localizado arredor das 11.00 horas deste luns 28 por un veciño que alertou ao servizo de Emerxencias do 112. Segundo explicaron os voluntarios de Protección Civil de Meis, a posición na que quedou o vehículo nun desnivel provocou que pasase desapercibido para o resto de condutores que circulaban pola zona. Por este motivo, descoñécese o momento exacto en que se produciu o accidente.
Urxencias Médicas enviou un equipo a bordo do helicóptero con base en Santiago, pero nada puido facer por salvar a vida do condutor. Tamén foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Salnés, con base en Ribadumia, porque a vítima atopábase atrapada no interior do turismo, un Peugeot 306.
Ata o lugar desprazáronse tamén efectivos de Protección Civil e axentes da Garda Civil do equipo de atestado de Pontevedra para instrución de dilixencias e unha patrulla do destacamiento de Pontevedra para regular o tráfico.