Presentan un "plan de mellora non rupturista" para os 235 traballadores do Concello de Sanxenxo
Por Redacción
A empresa contratada polo Concello de Sanxenxo para a elaboración dun estudo de diagnóstico organizativo do persoal municipal presentou este martes os resultados aos representantes sindicais dos traballadores, nunha reunión celebrada no salón de plenos e que contou coa presenza do alcalde, Gonzalo Pita, así como da concelleira de Persoal, Vanessa Rodríguez Búa, que estiveron acompañados polos edís do Goberno Sandra Fernández Agraso, Coral González-Haba, Daniel Fernández e Jesús Sueiro.
Os responsables da consultora comezaron a súa exposición explicando que o obxectivo deste traballo é achegar propostas de mellora na optimización dos recursos humanos e garantir o mellor dos funcionamentos posibles para toda a organización municipal e dos servizos seguindo os principios de racionalidade, coordinación, eficacia, calidade e economía de gasto que rexen nas administracións públicas. Fixeron referencia á complexidade organizativa do Concello de Sanxenxo, único en Galicia cun organismo autónomo e empresas municipais.
A consultora recorreu a dous métodos para coñecer a realidade interna do Concello, o seu organismo autónomo e as empresas municipais. Por unha banda entregou un cuestionario, voluntario e confidencial, cunha batería de preguntas que cada traballador debía responder e por outra banda mantivo reunións individuais con cada un deles. A modo de exemplo, a consultora informou os representantes dos traballadores que durante os meses de xullo e agosto realizou un total de 83 entrevistas con traballadores de diferentes departamentos.
Unha das conclusións ás que chega a consultora é que como consecuencia do cumprimento da primeira medida do Plan de Axuste do Concello o persoal de funcionarios viuse reducido nos últimos anos debido á obrigación de amortizar prazas vacantes por xubilación desde o ano 2012.
En Terra Sanxenxo o 90% do persoal atópase nunha situación de contratación laboral inestable
Así, en Terra Sanxenxo o 90% do persoal atópase nunha situación de contratación laboral inestable, xa que presta servizo para o Concello desde hai máis de 10 anos sen ter unha praza en propiedade.
No caso de Nauta, sociedade mercantil con capital social 100% municipal, xestiona o porto con 18 traballadores. Insua pola súa banda carece de persoal propio e unha traballadora de administración de Nauta colabora no control e xustificación da contabilidade desta sociedade. Turismo de Sanxenxo conta cunha técnica mentres que o resto dos postos están adscritos a Terra de Sanxenxo. En total o persoal ascende a 235 traballadores.
Unha vez analizada toda a información recompilada, a consultora presenta un documento aberto e dinámico no que se recollen as medidas realizadas ata o momento e diversas propostas de mellora que poderían abordarse nun futuro.
Así, expoñen ao goberno un plan de mellora non rupturista, que permita evolucionar cara a unha optimización e racionalización progresiva da estrutura administrativa municipal.
Algunhas das medidas contempladas neste plan son a creación de nove grandes áreas de traballo integradas cada unha delas por distintas unidades de xestión dun ámbito competencial concreto; a delimitación funcional das unidades administrativas; a descrición do contido dos postos de traballo así como os requisitos de acceso a moitos postos.
Entre as medidas do plan de mellora atópase tamén a necesidade de diferenciar entre categoría profesional e denominación do posto de traballo; establecer criterios de clasificación dos postos singularizados e os que non o son; a unificación dalgunhas denominacións dos postos de traballo e introducir novas formas de provisión de postos.
O plan de mellora fai unha mención especial á existencia de departamentos unipersonais e de carácter estanco polo que expón a mobilidade de efectivos naqueles servizos onde sexa necesario. Expón tamén impulsar mecanismos de carreira ou promoción interna na escala administrativa xa que o Concello tan só conta con 4 prazas de administrativo fronte ás case 20 de persoal auxiliar que realiza estas tarefas de apoio e tramitación de expedientes en distintos departamentos.
Impulsar procesos de talleres internos, procesos de consolidación de emprego, impulsar os sistemas de administración electrónica, unificar criterios de política retributiva e o fomento da formación profesional son outras das medidas que o informe suxire que deberían ser implantadas.
Relacionadas:
-
Queres formar parte das bolsas de emprego para cubrir baixas e vacacións en Sanxenxo?
Por Redacción |
-
Sanxenxo equipara o persoal laboral cos funcionarios, sen o apoio de CC.OO.
Por Redacción |
-
Sanxenxo realizará unha auditoría do persoal municipal para corrixir carencias nos servizos
Por Redacción |