Falece un mozo de Sanxenxo de 26 anos nun accidente de camión en Curtis
Por Redacción
Un veciño de Sanxenxo de 26 anos faleceu este martes nun accidente de circulación no concello coruñés de Curtis. O mozo, que este mesmo mércores cumpliría 27 anos, responde ás iniciais P.M.S. e era veciño do lugar de Mourelos, segundo informou a Garda Civil da Coruña.
O falecido era o condutor dun camión Scania que circulaba pola estrada N-634 cando, sobre as 7.45 horas, saíu da vía na ponte de acceso ao centro penal de Teixeiro, en Paradela.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o vehículo saíu da vía e foi parar a unha zona de monte de difícil acceso. Os Bombeiros de Betanzos e os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Curtis tiveron que empregar senllos equipos de excarceración para liberar ao condutor atrapado dentro do camión.
Así e todo, nada puideron facer por salvarlle a vida e os servizos sanitarios de urxencia confirmaron, finalmente, o falecemento do condutor.
O vehículo quedou fóra da circulación, coa caixa metida nun regato de escasa profundidade. Segundo o 112, foi necesario un guindastre especial para retiralo.
A agrupación de Tráfico do subsector da Coruña instrúe dilixencias para determinar as causas do accidente, que serán remitidas ao Xulgado de Betanzos.