Un ano sen televisión local en Pontevedra
Por Redacción
Hoxe cúmprese un ano do peche de Localia Televisión Pontevedra. O 29 de febreiro do 2012 o redactor xefe de Radio Pontevedra e Localia, Eugenio Giráldez, despedía o informativo local e apagábase a única tele propia que tivo a capital.
"A razón principal é a forte caída do investimento publicitario que causa a actual crise", xustificou entón a dirección da empresa.
O cese das emisións supuxo ademais o despedimento de todo o seu persoal, once persoas, técnicos e xornalistas.
A cidade do Lérez gozou dunha televisión propia desde o ano 1994, cando se estreou coma Televisión Pontevedra. E desde o 2000 como Localia.
Que si "os custos derivados do paso das emisións de formato analóxico a digital", tamén "a fragmentación das audiencias", incluso "a dura competencia do sector publicitario", sen dúbida a mellor explicación do ocorrido deuna o propio Giráldez "es la crisis, la puta crisis".