Os ciclistas de Cádiz piden á súa cidade que miren cara Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Dar a coñecer en Cádiz a experiencia de Pontevedra en materia de calidade urbana. Ese foi o obxectivo dos contactos que membros da Asemblea Ciclista da Baía de Cádiz realizaron nos últimos meses cos políticos locais. Buscaban así animalos a seguir a senda iniciada na cidade do Lérez para mellorar a súa mobilidade interior.
Este colectivo, segundo recollen medios locais como Portal de Cádiz, asegura que adoptar un modelo similar ao de Pontevedra reportaría "incontables beneficios globais" ao conxunto dos gaditanos, ao limitar o tráfico no interior da cidade ao imprescindible: residentes e servizos, apostando por promocionar a mobilidade peonil e ciclista.
En cada unha destas reunións entregaron aos seus políticos un exemplar do libro Pontevedra: outra mobilidade, outra cidade, editado pola Fundación Pons. Trátase dunha publicación que recolle a experiencia de transformación urbana que se viviu na capital pontevedresa e os resultados que avalan os cambios introducidos.
Os ciclistas gaditanos aseguran que a resposta de todos os grupos políticos foi "moi receptiva" e todos se mostraron "moi interesados" na experiencia pontevedresa. Ademais, propuxeron estudar unha serie de reformas coa que "deixar atrás" o seu modelo actual de mobilidade e achegarse ao exemplo pontevedrés.
"Oxalá as rúas e prazas de Cádiz empecen pronto a transmitirnos esa calma e ese benestar que nos transmiten outras cidades cuxos políticos se mostraron máis valentes no camiño cara á peonalización", sinalan desde a Asemblea Ciclista da Baía de Cádiz.
Aos seus políticos, engaden, pídenlles "responsabilidade e altura de miras" porque a cidade gaditana "non pode perder esta oportunidade".
Relacionadas:
-
Na bienal "Cidades en Transición" de Grenoble falarase da "desautoxicación" de Pontevedra
Por Redacción |
-
Andorra, Grenoble e Sète, interesadas no modelo de cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra recorda ás vítimas da "violencia viaria" presumindo de "cidade 30"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra, referencia para os municipios españois na redución da velocidade nas cidades
Por Redacción |
-
O modelo urbano de Pontevedra interesa a Vilanova de Famaliçao
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |