O goberno local conclúe en Portonovo o seu periplo polas parroquias do municipio
Por Redacción
O goberno local concluíu este mércores en Portonovo a súa rolda de atención en todas as parroquias do municipio de Sanxenxo e nas que atendeu e escoitou as suxestións de ao redor de 300 persoas.
Gonzalo Pita, do mesmo xeito que o resto de concelleiros que lle acompañaron neste ciclo de atención no rural, considera esta experiencia como moi positiva que, ademais, dá cumprimento a un dos principios do acordo de coalición de goberno, a transparencia.
"Estamos convencidos de que este achegamento directo aos veciños dende as distintas casas de cultura facilitou que nos trasladasen moitas suxerencias e peticións que de outro xeito non nos farían chegar". Gonzalo Pita está convencido de que é necesario facilitar un achegamento entre a administración local, a través do goberno local, e os administrados.
"Esta foi unha innovadora iniciativa amosouse como un enriquecedor exercicio de transparencia que, sen dúbida, temos previsto repetir ou ano que ven", apuntou Gonzalo Pita.
Hoxe en Portonovo, do mesmo xeito que no resto das reunións nas parroquias, os veciños expuxeron cuestións relativas a carencias en saneamento, deficiencias en iluminación e algunha outra cuestión máis particular. "Os veciños non demandan grandes obras, senón que solicitan aquelas cousas que contribúen a que a súa calidade de vida diaria mellore".
Neste sentido Gonzalo Pita destaca que a información solicitada durante esta rolda de encontros servirá de base para determinar investimentos futuros a través de diferentes liñas de financiamento. "Serán os veciños, a través das suxerencias que nos fixeron chegar nestes encontros, quenes nos axuden a decidir cales son as actuacións que acometeremos nos vindeiros meses".
Colectivos como Neen@s ou o Círculo de Podemos Sanxenxo aproveitaron este mércores a presenza do goberno local en Portonovo para interesarse por cuestións relativas a medidas para a pacificación do tráfico ou a situación das beirarrúas.