Detido por roubar en polo menos tres trasteiros e causar danos noutros dous
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo veciño de Pontevedra de 18 anos como presunto autor dun delito de roubo con forza por roubar en polo menos tres trasteiros e causar danos nun mínimo doutros dous, todo o mesmo día.
Segundo informou a Policía Nacional, os roubos destapáronse a través dunha das vítimas, que presentou unha denuncia por danos na fechadura da porta do seu trasteiro. Ademais, hai constancia de danos na propiedade doutro veciño e roubos noutros tres.
Tras a primeira denuncia por danos, axentes da Policía Nacional dirixíronse ao lugar, efectuaron unha revisión do garaxe e comprobaron que había varios trasteiros afectados coas portas forzadas.
Comprobaron que había outro trasteiro coa porta danada e aberta e entrevistáronse con outro veciño do inmoble que denunciaba a subtracción dunha das maletas da moto estacionada no interior do garaxe e os obxectos do seu interior, valorados en 322 euros.
Outra veciña fora vítima da subtracción no interior do seu trasteiro de catro táboas de skate e un altofalante, todo iso valorado en 590 euros e a outro subtraéronlle do trasteiro unha maleta, un casco, dúas botas de neve, chaqueta de neve, pantalón de neve, lentes de neve e demais pezas para a neve, ademais de dúas táboas de snowboard, todo iso valorado en 2.730 euros.
Por mor das denuncias os axentes policiais iniciaron as investigacións para tratar de pescudar a identidade do presunto autor que foi identificado e localizado este luns 28 de novembro, tras o cal os axentes detivérono por un delito de roubo con forza.
Foron recuperados algúns dos obxectos subtraídos que lle foron entregados aos seus lexítimos propietarios. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, no que o detido foi oído en declaración, foi posto a disposición da autoridade xudicial.