Marín atendeu 162 personas co seu Plan de Inclusión Social
Por Redacción
Un total de 162 persoas atendidas de forma directa. Ese é balance que fai o Concello de Marín do resultado do seu Plan de Inclusión Social, cuxas actividades tiveron unha repercusión extensible a preto de 500 marinenses.
A concelleira de Benestar Social, Marian Sanmartín, explicou que as actuacións que se puxeron en marcha en virtude deste plan, valoradas en case 65.000 euros, foron subvencionadas pola Consellería de Política Social, polo Ministerio de Sanidade e por fondos europeos.
Con este plan, Marín desenvolve programas de educación e apoio familiar para reforzar e orientar ao alumnado para evitar o absentismo e o abandono prematuro da escolarización, programas de formación profesional dirixido a mozos e adultos ou iniciativas de aprendizaxe das linguas de acollida e de apoio psicosocial.
Estas accións de inclusión social están baseadas, segundo destacan desde o Concello, nos principios de educación, formación e apoio individual e grupal.
Están dirixidas aos sectores de poboación en risco de exclusión social que, pola súa procedencia xeográfica, pola súa pertenza a un grupo étnico ou por carecer de capacidade económica suficiente, sofren situacións carenciais a nivel educativo, formativo, laboral e social.