Defensa da Ría acusa a ENCE de falsear a verdade
Por Oskar Viéitez
A xunta directiva da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) acusa á empresa ENCE de "falsear a realidade" para "tentar xustificar" que a empresa de pasta de papel non ten que cumprir a directiva de augas residuais urbanas.
Defensa da Ría di que os directivos da empresa de celulosas "sen o menor signo de vergoña" na súa resposta ás informacións publicadas pola eurodiputada do BNG, Ana Miranda, manipulan as palabras do comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella, nas que fai unha "referencia directa" á fábrica de ENCE "pretendendo así evitar o pronunciamento explícito sobre a fábrica de Lourizán".
Dende o colectivo ecoloxista insisten en que "é evidente" que as augas de vertido de ENCE "que saen á Ría mesturadas coas urbanas procedentes da EDAR de Os Praceres" teñen que cumprir coa directiva europea de augas residuais urbanas.
"Na súa teima por desprestixiar á APDR, atrévense a mentir de novo ao facer certas afirmacións que non se sosteñen en modo ningún e coas que deixan ver a súa catadura moral e o seu escaso perfil democrático", din desde Defensa da Ría, que rexeita que teña "silenciado" o problema da contaminación por coliformes na ría, e que teña recorrido a Bildu nin a ningunha outra forza política.
"A realidade é que ENCE incumpre a lexislación de aplicación en materia de vertidos, verte á ría cantidades moi importante de coliformes, e só permanece en funcionamento en Lourizán porque o PP ten intereses políticos e particulares na empresa que lle levan a non aplicar a lexislación", remata a Xunta directiva da APDR.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia defende que ENCE "non contamina" ante os reproches de En Marea pola mortalidade de marisco
Por Redacción |
-
Seis construtoras optan á execución das obras de integración paisaxística da fábrica de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e Ence contestan a APDR e BNG asegurando que a fábrica de Lourizán cumpre as normas ambientais
Por Oskar Viéitez |
-
A Comisión Europea advirte á Xunta que aplica unha directiva equivocada e máis permisiva coas verteduras de Ence
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A APDR chama a "manter unha actitude contraria" fronte a aqueles que "colaboren con Ence"
Por Oskar Viéitez |