A Xunta e Ence contestan a APDR e BNG asegurando que a fábrica de Lourizán cumpre as normas ambientais
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Medio Ambiente e a empresa Ence emitiron este martes senllos comunicados en relación á rolda de prensa celebrada polos representantes da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre a resposta escrita do comisario europeo Karmenu Vella.
Pola súa banda, Ence denuncia a "manipulación informativa" da devandita resposta e pide "que se respecten as decisións xudiciais en relación a esta cuestión".
Aseguran desde a empresa pasteira que Karmenu Vella non se pronuncia de maneira explícita sobre Ence Pontevedra. Na súa resposta, segundo Ence, determina que se as augas residuais dunha fábrica de pasta de papel "se verten a través dunha instalación de tratamento de augas residuais urbanas" deben ter os parámetros de medición deseñados para ese tipo de instalacións.
Pero a "realidade", segundo o comunicado remitido pola empresa de celulosas, "é que o tratamento das augas residuais de Ence Pontevedra non ten nada que ver co das augas residuais urbanas de Pontevedra. Ence trata as súas augas nas súas propias instalacións de tratamento e despois mide a súa calidade. Posteriormente, evacúaas a través dunha tubaxe propia que, máis adiante conecta co emisario das augas tratadas pola EDAR. Ambos os tratamentos son completamente independentes".
E engade que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "xa deixou claro en sentenza firme que a empresa cumpre coa normativa comunitaria".
En concreto, sinala que en febreiro de 2015, o TSXG desestimou un recurso de APDR contra a renovación da Autorización Ambiental Integrada de Ence no que se denunciaba, entre outras cuestións, o suposto incumprimento por parte da empresa da directiva europea de tratamento de augas residuais. A APDR desistiu de presentar recurso e, mesmo, tivo que pagar as costas daquel preito.
"Así que a organización, que durante anos silenciou o problema de contaminación por coliformes da Ría de Pontevedra, si denunciado pola Unión Europea, recorreu a Bildu para continuar buscando osíxeno político a ese argumento e logrouno", conclúe en referencia á pregunta formulada polo eurodeputado de Bildu sobre esta cuestión ao Comisario Europeo de Medio Ambiente.
RESPOSTA DA XUNTA
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aclarou noutro comunicado que "a autorización ambiental integrada de Ence refírese a vertidos industriais, que non son equiparables a vertidos de augas residuais urbanas".
Din dende a consellería que "grazas a esta consideración pódense controlar parámetros como o mercurio, que non se analizarían no caso de tratarse como augas de natureza urbana".
Di a Xunta que Ence está a verter con valores inferiores aos que se determina na súa Autorización Ambiental Integrada
Por outra banda, Medio Ambiente da Xunta recorda que existe unha decisión europea do ano 2014 sobre as mellores técnicas dispoñibles neste tipo de emisións industriais, na que se fixan os valores máximos dos parámetros de vertido máis significativos.
"As augas residuais de Ence teñen de prazo ata 2018 para adaptarse a esta decisión, aínda que a día de hoxe, no tocante ao parámetro máis representativo das augas urbanas – a demanda biolóxica de oxíxeno- nos seguimentos periódico que realizan os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, os resultados das analíticas indican que Ence está a verter con valores inferiores aos que se determina na súa Autorización Ambiental Integrada e, incluso, de forma habitual, por debaixo do recomendado pola decisión europea de 2014", conclúe o comunicado remitido dende a consellería que dirixe Beatriz Mato.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia defende que ENCE "non contamina" ante os reproches de En Marea pola mortalidade de marisco
Por Redacción |
-
Medio Ambiente sinala que Ence cumpre co esixido pola autorización ambiental
Por Redacción |
-
O Concello acusa a Ence de incumprir de forma "reiterada" os parámetros da súa concesión
Por Alejandro Espiño |
-
Ence, 60 anos máis en Lourizán; Elnosa, mantense á espera
Por Mónica Patxot & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Seis construtoras optan á execución das obras de integración paisaxística da fábrica de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta inicia os trámites para renovar a autorización ambiental a ENCE
Por Redacción |
-
Defensa da Ría acusa a ENCE de falsear a verdade
Por Oskar Viéitez |
-
A Comisión Europea advirte á Xunta que aplica unha directiva equivocada e máis permisiva coas verteduras de Ence
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Greenpeace recorre ante a Audiencia Nacional a prórroga de Ence en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A renuncia de Pontevedra e Poio a participar con Ence no Pacto Ambiental "no perjudicará" a ningún colectivo social
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |