Estudan alternativas para mellorar o acceso á praia de Ribeira en Marín
Por Redacción
Entre casas de pequenas poboacións rurais de Marín atópase a praia de Ribeira. Ata alí acoden durante o verán algúns bañistas que ven obrigados a acceder a pé, por un camiño con moita pendente, a este espazo de grava e area dourada cruzando leiras con vexetación.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada de técnicos de Costas e de veciños achegáronse este xoves a este areal para comprobar sobre o terreo as posibilidades que se poden estudar para mellorar os accesos.
O difícil acceso a pé dificultaba a presenza de bañistas a esta pequena cala de 100 metros de lonxitude e unha anchura media de 5 metros. Para mellorar ese camiño de acceso, o goberno local de Marín solicita a Costas que levante un topográfico do terreo debido aos actuais desniveis. Desta forma acoutarían aqueles terreos que deben quedar a disposición deste organismo para poder acometer esta actuación.
Os veciños mostraron a súa dispoñibilidade para mellorar esta contorna e agora será Costas quen decida co Concello o proxecto que levará a cabo para mellorar este espazo.