Atropela unha muller, dáse á fuga, dá positivo en alcol e acaba detido por violencia de xénero
Por Natalia Puga
Un veciño de Marín de 56 anos foi detido na madrugada do sábado ao domingo pola Policía Nacional como presunto autor dun delito de violencia de xénero por agredir á súa parella. O arrestro supuxo o final dunha noite na que presuntamente se deu á fuga tras atropelar a unha muller en Estribela e posteriormente foi interceptado pola Garda Civil de Tráfico por conducir baixo os efectos do alcol. Tras localizalo os axentes da Benemérita, descubriuse o episodio de malos tratos que acabou con el na Comisaría de Marín.
Todo comezou sobre as 23.00 horas da noite do sábado no paso de peóns situado fronte á praza de Estribela. O home presuntamente levou por diante a unha veciña da parroquia de 44 anos que acabou cunha fractura de cadeira no Hospital Montecelo.
Tras o atropelo, desprazáronse ao lugar axentes da Policía Local de Pontevedra e a Garda Civil de Tráfico e estes últimos empezaron unha investigación para aclarar o ocorrido e localizar ao condutor fuxido, do que as testemuñas indicaron que ía nun turismo marca Ford e seguiu en dircección a Pontevedra.
O operativo de procura incluíu unha serie de controis nas estradas próximas e deu resultado unha hora e media despois do atropelo, pasada a medianoite do domingo. O condutor fuxido foi localizado nun control da Garda Civil na autovía de Marín, na coñecida como rotonda de Malvar e os axentes déronlle o alto, pero el desatendeu os sinais e seguiu circulando.
Tras unha persecución de ao redor de dous quilómetros, os axentes de Tráfico lograron interceptalo noutro punto da autovía de Marín, na contorna da factoría de Ence en Lourizán. O home, de iniciais F.V.P. e veciño de Marín deu positivo no test de alcoholemia, arroxando unha taxa de alcol de 0,71 e 0,68 miligramos de alcol por litro de aire expirado, isto é, case o triplo da permitida.
O condutor presentaba pequenas contusións no rostro e recoñeceu aos axentes que mantivera unha enfrontamento coa súa parella no domicilio familiar. Os investigadores comprobaron que a muller, que estaba na súa casa e inicialmente non quería abrirlles a porta, fora agredida, de modo que nese momento fíxose cargo del a Policía Nacional, que o detivo por un delito de violencia de xénero.
Ao condutor, natural de Madrid, atribúenlle un delito de violencia de xénero e dous contra a seguridade viaria, un por conducir baixo os efectos do alcohol e outro polo atropelo con fuga. Despois de pasar a noite nos calabozos, pasou a disposición xudicial e quedou en liberdade, pero investigado.