'O Bicho' e un cómplice, detidos en Vilagarcía despois de máis de 20 roubos
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía detiveron, nunha operación conxunta coa Garda Civil, dous homes, un deles coñecido popularmente como o "Bicho", como presuntos autores de vinte delitos graves contra o patrimonio e oito leves. Os dous detidos contan con antecedentes policiais.
A investigación desenvolvida polos axentes policiais iniciábase tras a onda de roubos que estaba a arrasar a comarca do Salnés, sobre todo en bares, vivendas e máquinas expendedoras. Entre estes roubos chamou a atención o que se rexistraba na igrexa e na casa reitoral de Cea. Alí subtraeron pezas litúrxicas de valor histórico.
Estes presuntos delincuentes actuaban con gran rapidez, precisión e violencia. Forzaban, sobre todo, as caixas de caudais, máquinas recreativas e expendedoras que atopaban ao seu paso cando entraban nalgún establecemento.
O Bicho protagonizou unha espectacular fuxida polos tellados de varios edificios de Vilagarcía no mes de agosto cando creu que ía ser detido por axentes da orde. Naquela ocasión, provocou importantes danos nos portais nos que penetrou de maneira violenta.
O pasado 23 de novembro cando os dous homes foron sorprendidos por axentes da Policía Local de Vilagarcía forzando as máquinas "vending" situadas na rúa Fontecarmoa, O Bicho non dubidou en esgrimir, segundo o que puideron detectar os axentes, un arma de fogo para evitar o seu arresto. Na fuxida, ambos provocaron múltiples danos nos vehículos que atoparon ao seu paso.
Por fin, o venres 2 de decembro coa intervención do Grupo de Operacións Especiais da Xefatura Superior de Policía de Galicia lográbase deter a estes dous presuntos delincuentes. Entre os obxectos que estaban no seu poder atopáronse múltiples efectos entre os que destacan os cálices da igrexa de Cea, décimos de lotería, fusís de pesca submarina, ademais de ferramentas e disfraces que empregaban para cometer os delitos.
Tras prestar declaración en dependencias policiais foron postos a disposición da autoridade xudicial. Están acusados de ser presuntos autores de vinte delitos de roubos con forza, violación de morada, atentado, danos, furto de uso de vehículo a motor e contra a seguridade viaria.