Ponte Caldelas acollerá unha gran festa baixo carpa para celebrar a Noitevella
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas, coa colaboración da asociación de comerciantes (Coempo), programou unha serie de actividades para todos os públicos que fan da capital do Verduxo un lugar idóneo para gozar destas datas.
A principal novidade chega coa incorporación do servizo de ludoteca para os compradores que entreguen un ticket por valor mínimo de 10 euros no comercio local. A ludoteca de Ponte Caldelas acollerá aos rapaces (de 3 a 11 anos) durante dúas horas para facilitar a realización das compras.
Estará dispoñible en horario de mañá e tarde durante as xornadas do 2 ao 3 de xaneiro e en horario de mañá durante o 4 e o 5 de xaneiro. A ludoteca reforza tamén a campaña dos propios comerciantes cos seus habituais sorteos de obsequios entre os clientes. É unha campaña á que están adheridos uns 70 establecementos, segundo datos de Coempo.
O programa de Nadal comezará o día 24 de decembro coa chegada do Papá Noel, que estará no Centro Cultural ás 12 horas para atender e recoller as cartas dos rapaces. O ilustre visitante chegará facendo un percorrido previo pola vila cunha magnífica calesa tirada por varios cabalos, gracias á colaboración desinteresada de Hípica Amazonas.
O Concello programou tamén unha toma das uvas anticipada para as 12 horas do sábado 31, día da Noitevella. Será ao pé do reloxo do Centro Cultural, onde haberá un gran ambiente, especialmente pensado para os máis cativos.
O colofón chegará coa gran festa de Noitevella que está programada na Alameda a partir da 1 da madrugada coa actuación da orquestra Principal. Para esa xornada, en previsión de choiva, colocarase unha gran carpa que cubrirá todo o espazo.
Finalmente, o 4 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis de Ponte Caldelas, un evento que sempre concita a asistencia de numeroso público. Será a partir das 18 horas polo percorrido habitual.