Comisións Obreiras mobilízase contra os "abusos laborais" no Gran Hotel La Toja
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras convocou para este xoves 8 de novembro, ás once da mañá, unha concentración ante o Concello do Grove para denunciar os "abusos laborais" que, ao seu xuízo, está a cometer a dirección do Gran Hotel La Toja.
Co lema "Basta de represión sindical! Despedidos readmisión!" este sindicato sinala a "represión" contra dous dos seus delegados que acaban de ser despedidos polo seu rexeitamento ao expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola dirección do Grupo Hotusa, que explota as instalacións.
Segundo estas mesmas fontes a cadea hostaleira pretendía converter os contratos fixos en fixos-descontinuos ao que se opuxeron estes delegados sindicais.
Estes traballadores teñen antigüidades de 17 e 34 anos, "unha profesionalidade intachable, así como un gran traballo sindical" en defensa dos seus compañeiros. Así, nos últimos tempos denunciaran os incumprimentos de Hotusa no pago das horas extra realizadas, xa que durante o ERE os traballadores do Gran Hotel La Toja superaron as 1.300 horas anuais que fixara como máximo o comité de dirección.