CC.OO. sostén que a Deputación "mentía ao dicir que o Parque de Maquinaria non se ía a privatizar
Por Redacción
A sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra sumouse ás críticas formuladas polo grupo provincial do PP contra a decisión da Deputación de adxudicar a oito empresas as tarefas de limpeza e roza das estradas provinciais. Na súa opinión, é unha demostración de que "cae primeiro un mentireiro que un coxo".
"En que pouco tempo o equipo de goberno da Deputación mostra que mentía ao dicir que o Parque de Maquinaria non se ía a privatizar", sinala o delegado sindical de CC.OO. na institución provincial, José Ramón Piñeiro.
Na súa opinión, "levan mentíndolle aos cidadáns, con total descaro, desde a toma de posesión" e unha "mostra clara" é esa adxudicación por un importe próximo aos 200.000 euros, diñeiro que opina que se podería aforrar se os traballos os fixen os condutores da Deputación se esta lle proporcionase a maquinaria.
Piñeiro lembra que CC.OO. e os traballadores levan meses dicindo que non se quere negociar no conflito laboral aberto no Parque de Maquinaria porque a folla de ruta do goberno provincial é privatizar o servizo. Con todo, "agora as cousas empezan a verse claras" e no orzamento para o ano 2017 suprimen os 600.000 euros que orzaran no 2016 para a compra de nova maquinaria, que non chegaron a gastarse.
Ao non comprarse esa maquinaria, asegura que "iso fai que o persoal estea ocioso" e, ao mesmo tempo, amortizan prazas necesarias de mecánicos co que os arranxos se teñen que facer fóra. Para o ano 2017 non dedican nin un só euro para a compra ou renovación de maquinaria, de modo que Comisións critica que "con isto o que se consegue é que o parque morra, converténdoo nun lugar cheo de chatarra no canto de máquinas para traballar e prestar un bo servizo aos cidadáns".