Os traballadores da recollida de lixo convocan unha folga indefinida a partir do día de Nadal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A partir das 00.00 horas do 25 de decembro comezará unha folga indefinida do servizo de recollida de lixo se a dirección da empresa non convoca aos traballadores nos próximos días e retoma a negociación do convenio colectivo, que se aplicaría ata 2018.
As conversacións romperon por non chegar a acordo sobre a antigüidade. A empresa non quere que se aplique a aqueles traballadores sen contrato indefinido, a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñece que todos os empregados teñen dereito a ese plus, segundo explicou Juan Carlos Corredoira, presidente do comité de empresa de CESPA Ferrovial, empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo de Pontevedra.
Os representantes sindicais sinalan que este punto é innegociable porque se non se asina produciríase unha situación de desigualdade entre o persoal e ademais en poucos anos, un terzo do persoal formado por 125 traballadores veríase afectada por esta decisión e non cobraría a antigüidade que podería alcanzar o 15%.
Os integrantes do comité de empresa indican que no resto de puntos da negociación o acordo está practicamente pechado. Levan desde marzo mantendo reunións coa dirección e apuntan a que mesmo se chegou a un acordo sobre o incremento salarial, despois de levar tres anos co soldo conxelado.
Tanto Juan Carlos Corredoira, de UXT, como Manuel Iglesias, de CIG, denunciaron que a empresa está a forzar a situación por intereses estratéxicos, xa que en 2017 finaliza o contrato e o goberno local terá que adxudicar unha nova concesión.
Os representantes dos traballadores afirman que a empresa, desde hai aproximadamente un ano, non cobre as baixas e destina menos maquinaria da establecida no contrato co Concello para a limpeza das rúas. Sinalan que o persoal estaba planificada para a cidade en 1999 pero que, na actualidade, resulta escasa e a maquinaria tamén queda obsoleta.
Relacionadas:
-
Preacordo entre Cespa e traballadores. Se o persoal o ratifica non haberá folga
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Cespa manteñen, por agora, a folga na recollida de lixo a partir de 25 de decembro
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O Concello insta a Cespa a retomar as negociacións para evitar a folga na recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballadores de Cespa aproban unha folga indefinida do servizo do lixo
Por Redacción |
-
Representantes do persoal e a dirección de Cespa retoman as negociacións sen avances
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |