O mércores pasará unha fronte con chuvias e o venres... outra
Por Redacción
Galicia quedará este luns na influencia das altas presións, con réxime de ventos do sur. Así, agárdanse ceos pouco anubrados, con nubes de tipo alto en xeral. As temperaturas quedarán sen cambios significativos ou con lixeiros descensos.
De novo o martes, a nosa comunidade, continuará na influencia do anticiclón situado en Centroeuropa, polo que se agarda un día de tempo seco e estable, aínda que coa chegada dunha fronte pola noite que anubrará os ceos ao final do día e mesmo pode deixar algunha chuvia polo oeste xa na madrugada. As temperaturas quedarán sen cambios ou con lixeiros descensos. O vento soprará do sur, frouxo pola mañá aumentando a súa intensidade co avance da xornada, quedando pola noite moderado en xeral, con intervalos fortes no litoral.
Esta fronte da que falan os metereólogos vai cruzar Galicia de oeste a leste durante o mércores, polo que se agardan ceos anubrados con chuvias máis frecuentes e intensas na metade oeste. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos, mentres que as máximas sufrirán un moderado descenso, quedando unha xornada sen apenas oscilación térmica entre o día e a noite. O vento soprará moderado de compoñente sur, aínda con refachos fortes no litoral a primeiras horas, e irá amainando co avance do día ata quedar frouxo pola noite.
O xoves será unha xornada de transición, sen chuvias, cara ó venres no que se agarda a entrada dunha nova fronte, con chuvias xeneralizadas. Esta fronte do venres deixará aire frío sobre a comunidade polo que se agarda unha fin de semana de ventos do norte que deixarán baixa probabilidade de precipitacións, agás algúns chuvascos no terzo norte, e un descenso significativo das temperaturas.