Alertan do aumento de casos de depresión en nenos e mozos en idade escolar
Por Alejandro Espiño
A depresión e a ansiedade son episodios que, tradicionalmente, asócianse a persoas adultas. Pero Sanidade alerta de que cada vez son máis os nenos e mozos en idade escolar que sofren este tipo de trastornos psicolóxicos. É, no seu caso, mesmo máis grave porque poden alterar non só a súa vida familiar senón tamén o seu desenvolvemento persoal e educativo.
Esa é a reflexión que fixo en Pontevedra o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, durante a inauguración da exposición Photovoice: Fotografando a Depresión, que se pode visitar desde este luns no Hospital Provincial.
Vázquez Almuiña sinalou que, nos últimos anos, houbo un importante incremento da prevalencia desta patoloxía a nivel mundial e, de xeito paralelo, unha diminución da súa idade de comezo, de maneira que se converteu, segundo a Organización Mundial da Saúde, nun importante problema de saúde pública.
A depresión, explicou na súa intervención, ten un grande impacto sobre o crecemento e desenvolvemento persoal de nenos e adolescentes, sobre o seu rendemento escolar e as súas relacións familiares e interpersoais.
Debido ás características particulares desta doenza na infancia e na adolescencia, Sanidade considera importante contar con profesionais de atención primaria e especialistas en saúde mental con formación e experiencia no manexo do trastorno neste grupo de idade.
Neste sentido, o conselleiro de Sanidade considera imprescindible diminuír a variabilidade clínica, a través de ferramentas que axuden á toma das decisións, máis adecuadas, e baseadas no mellor coñecemento existente.
Unha destas ferramentas é, precisamente, o programa Photovoice, que consiste nunha estratexia de investigación e acción participativa na que as persoas crean e analizan fotos, que serven para explicarlle ao grupo a súa realidade vital. No caso desta exposición, recóllense as vivencias da súa enfermidade.
A exposición é unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a situación das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias e, así mesmo, reivindicar publicamente os dereitos deste colectivo, apelando á empatía da sociedade cara estes pacientes, e incidindo na importancia de poñerse no lugar dos demais para comprenderlles mellor.
O obxectivo final é lograr que o diagnóstico de casos de depresión sexa máis rápido, especialmente no caso dos rapaces, de forma que as terapias necesarias para a súa curación, sexan tamén máis leves e menos agresivas.