O Grove pecha o 2016 con todas as praias de baño cualificadas como "excelentes"
Por Redacción
A Consellería de Sanidade fixo pública esta semana a clasificación sanitaria das zonas de baño. Trátase do resultado das mostraxes feitas ao longo de todo o 2016 e que supoñen para O Grove o recoñecemento da calidade das súas praias.
Deste xeito, das 21 zonas de baño analizadas por esta entidade, a súa totalidade dan como resultado unha calidade de auga "excelente".
O Grove é o segundo concello da provincia con maior número de zonas de mostraxe para a análise de augas (só por detrás de Vigo) e un dos poucos que consegue este resultado na totalidade dos seus areais. Este feito supón un recoñecemento importante no referido ao traballo realizado para evitar verquidos e para a correcta xestión medioambiental dos areais mecos.
Este punto de partida resulta moi positivo de cara a temporada 2017 na que xa se está traballando.