Todas as praias do Grove teñen zonas de baño co cualificativo de "excelente"
Por Redacción
Todas as praias do Concello do Grove obtiveron a cualificación de "excelente" na clasificación sanitaria das zonas de baño do Censo Oficial de Galicia 2016 pola boa calidade da auga.
Trátase da máxima nota posible e estará vixente para todo o verán 2017, segundo a información publicada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia relativa ás 21 praias censadas no municipio como zona de baño.
O Concello realizou unha valoración moi positiva deste resultado, xa que confirma que as augas que bañan os diferentes areais do municipio seguen as condicións óptimas e volve a poñer en valor os esforzos realizados a nivel municipal para manter un alto nivel de calidade nas praias.
Entre eses 21 areais atópanse algúns protexidos pola Rede Natura, entre eles, Mexilloeira, Con Negro ou A Lanzada.
Segundo recolle o Concello a través dun comunicado, esa situación "incide no valor engadido da península do Grove para os visitantes interesados na natureza e o medio ambiente".