Dous mozos detidos polo roubo de móbiles en pubs da zona vella
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron un mozo de 24 anos de idade, natural de Marrocos, con domicilio en Vigo, con antecedentes policiais por feitos similares nas localidades de Ourense e León, e ao seu cómplice, un individuo de 22 anos de idade, natural de Rumania, como presuntos autores dun delito de furto de teléfonos móbiles en varios establecementos de lecer da capital.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra o suceso tivo lugar entre a madrugada do día 26 ao 27 de novembro. Por esas datas producíronse un gran número de subtraccións de teléfonos móbiles en locais de lecer diferentes e moi próximos entre si, chegando a presentarse na Comisaría ata 10 denuncias por subtracción de móbil.
Mentres que o primeiro individuo accedía aos locais e subtraía presuntamente os teléfonos e as carteiras o segundo permanecía fóra en actitude vixiante e encargaríase de ocultar os obxectos subtraídos.
A maioría das vítimas foron mulleres xa que os teléfonos eran subtraídos do interior de bolsos, nalgún caso os cacos tamén levaron a carteira. En todos os casos os teléfonos subtraídos superaban os 400 euros de valor.
Grazas á colaboración dos propietarios dos pubs logrouse identificar aos presuntos autores destes feitos, un deles o día 5 de decembro e o outro o día 9.
O día 13 de decembro os axentes volveron deter ao mozo natural de Marrocos despois de tres novas denuncias presentadas en dependencias policiais pola subtracción de tres teléfonos móbiles e unha carteira con 280 euros. Un dos teléfonos foi recuperado polos axentes. O valor do subtraído superaría os 1.000 euros.