Cotobade súmase á moda das badaladas a mediodía en Fin de Ano
Por Redacción
Unha festa de Fin de Ano con badaladas, cotillón e sorpresas o día 31 de decembro a mediodía no pavillón municipal de Carballedo. É a principal novidade da programación para o Nadal que vén de presentar o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Serán en total unha vintena de actividades de temática variada que se repartirán por ata 23 puntos do municipio co obxectivo de facilitar a participación de todos os veciños.
O programa xa arrancou coas mostras de postais, que permanecerán abertas ata o día 5 de xaneiro, e coa música de Lembranzas moañesas e terán continuidade nesta fin de semana coa obra teatral Noiteboa de Mela Casal e Ernesto Chao no Centro Cultural de Cerdedo, o Mercado de Nadal no adro da festa de Tenorio e coa visita do Apalpador aos colexios públicos.
Así, haberá actividades infantís, de teatro, a presenza de Papá Noel e os Reis Magos, deporte, música de bandas, panxoliñas e cantares, sesións de cine, festas e ata clases de cociña ata o 7 de xaneiro.
O deporte terá especial relevancia coa celebración da Milla Urbana Popular, que terá lugar o venres 23 ás 17.30 horas en Carballedo con percorridos de 200 metros para os cativos, media milla para os rapaces de 8 a 12 anos e unha milla para os adultos.
Entre as actividades máis destacadas figuran as clases lúdicas de cociña "Entre fogóns", que esixen inscrición previa no consistorio de Carballedo e que están abertas á participación de toda a familia. Desenvolveranse na Casa das Nenas de Caroi entre os días 26 e 30 de decembro de 16.00 a 19.00 horas.
Outro dos puntos fortes será a música, que incluirá panxoliñas, Cantos de Nadal na igrexa de Augasantas, Cantares de Reis e o Festival de Nadal “De Europa a América polo Nadal” a cargo da Banda de Música de Cerdedo o vindeiro día 30 ás 20.30 horas no Centro Cultural.
A principal novidade terá lugar o día de Fin de Ano, xa que se programou un festival infantil dende as 10.30 horas no pavillón de Carballedo que contará con carpa xigante interactiva, circuito de karts a pedais, obradoiro de tatuaxes, jumping acrobático e moitas sorpresas.
Xa para os adultos, haberá, dende o mediodía, unha festa de Fin de Ano na que se despedirá o 2016 con badaladas e coa que se pretende fortalecer as relacións de veciñanza para que, xa pola noite, poidan despedir o exercicio con cadansúa familia.
As datas de Reis tamén serán moi intensas, xa que o día 5 haberá o tradicional pasarrúas polas 13 parroquias de Cotobade a cargo das Súas Maxestades dende as 10.30 horas mentres que pola tarde, dende as 17.00 horas, a Praza do Concello de Cerdedo acollerá a tradicional recepción. Posteriormente, haberá un pasarrúas que rematará coa entrega dos premios de postais, agasallos para os nenos e animación musical.
O día 7, o colexio de Carballedo acollerá os Cantares de Reis, que incluirán a entrega do certame de postais de Cotobade e unha merenda con chocolate e rosca. Os gañadores dos certames de postais, que deron imaxe ao Nadal no concello, foron Juan Abilleira Souto en Cotobade e Ainoa Parafita Espiña en Cerdedo.
Jorge Cubela explicou que algunhas actividades unificaranse por completo o vindeiro ano ao estar preparadas dende antes da fusión, e incidiu en que se trata dun Nadal “moi importante ao ser o primeiro do concello fusionado e me gustaría que servirá para seguir fortalecendo esas boas relacións de veciñanza e amizade que percibo a diario entre todos os veciños de Cerdedo e Cotobade”.