Un garda civil fóra de servizo detén o autor de varios furtos no centro comercial A Barca de Poio
Por Redacción
Un garda civil, que se atopaba fóra de servizo, detivo un individuo no centro comercial A Barca cando pretendía saír do establecemento cun lote de produtos que subtraera no interior.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, o axente, que está destinado no Posto da Garda Civil de Pontevedra, atopábase de paisano efectuando unhas compras acompañado da súa muller e o seu fillo, foi informado polo vixiante de seguridade que prestaba servizo no centro comercial, de que observara como unha persoa estaba a subtraer diversos produtos dos andeis.
Despois dunha discreta observación e seguimento deste cliente no seu percorrido polo interior do centro comercial, o garda civil coordinou a súa intervención co vixiante de seguridade e logrou interceptar e deter a esta persoa cando pretendía saír polas portas posteriores, despois de cruzar á carreira os arcos antifurtos.
Ao ser rexistrado púidose comprobar que levaba varios envases de cosméticos, un par de auriculares e 4 cartóns iTunes Apple, todo iso valorado en 270 euros.
Posteriormente, por mor das dilixencias que se lle instruíron en calidade de investigado por un suposto delito de furto, foi identificado e recoñecido como o autor doutro furto, dun Ipad Mini 4, valorado en 389 euros, que subtraera no mesmo supermercado o pasado mes de novembro.