Ponte Caldelas prevé reducir a súa débeda en 2017 ata os 588.000 euros
Por Redacción
Ata 3.386.422 euros subirá en 2017 o orzamento municipal de Ponte Caldelas. As contas serán aprobadas no pleno do próximo xoves 22 de decembro, tras ser consensuadas polos tres partidos que forman o goberno, PSdeG-PSOE, AVP e BNG.
As novas contas, sinalan desde o Concello, apostan pola prudencia, a consolidación fiscal e, sobre todo, pola redución da débeda herdada do anterior equipo de goberno do PP -preto do millón de euros, segundo o actual alcalde-.
Así, o goberno avanza que renunciará á petición de crédito e continuará na liña de redución dos pasivos financeiros para así alcanzar, cara final de ano, unha situación que permitirá reducir a débeda ata os 588.688 euros. Para alcanzar este obxectivo o Concello destinará máis de 200.000 euros á amortización.
A memoria da Alcaldía subliña que os orzamentos 2017 son un exercicio de responsabilidade na xestión das contas públicas. "Só cun Concello saneado e cunha sólida posición económico-financeira, poderemos afrontar con solidez os retos do presente e tamén do futuro, pois a crise económica está moi lonxe de remitir e este Concello non está disposto a renunciar ao seu papel como axente activo de benestar social", asegura Andrés Díaz no documento.
Outra característica das contas é a continuidade na liña de austeridade nas retribucións do equipo de goberno, en especial da Alcaldía, cun importe anual de 37.370 euros, moi por debaixo dos límites legais e dos salarios dos alcaldes da contorna. Tampouco haberá partidas orzamentarias dedicadas a dietas ou gastos de transporte.
Os gastos de persoal e os gastos correntes mantéñense en niveis similares ao do ano anterior e mesmo se producen os primeiros aforros no gasto enerxético por mor dos investimentos acometidos na modernización da rede de iluminación pública.
As contas renuncian expresamente, a incluír as transferencias da Deputación (Plan Concellos) ou que, eventualmente, poidan chegar da Xunta de Galicia co dobre obxectivo de facilitar a súa xestión administrativa e partir da cifra máis realista posible, sinala o alcalde.
Ademais, Ponte Caldelas agarda unha recadación similar, pese á redución da presión recadatoria nos servizos de abastecemento de auga e de vehículos, nos que se introducen bonificacións sociais para familias numerosas, en situación de risco e para persoas con discapacidade, ademais da exención da viñeta para os vehículos clásicos.
"Son, por tanto", conclúe a memoria da Alcaldía, "uns orzamentos realistas, serios e responsables, que contribúen a avanzar atallando os problemas do presente, pero tamén pensando moi especialmente no futuro".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas pagou os provedores en 2016 cunha demora de apenas 24 días
Por Redacción |
-
Entran en vigor as rebaixas fiscais na auga e na viñeta de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O BNG di que no orzamento "hai máis investimentos propios" que no último goberno do PP
Por Redacción |
-
Redución da débeda e baixada dos impostos, eixos dos orzamentos 2017 de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas presenta uns orzamentos "sociais" que o PP critica pola súa "parálise"
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas eximirá do pago da "viñeta" aos vehículos matriculados a nome de persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
As persoas en risco de exclusión social non pagarán o recibo da auga en Ponte Caldelas
Por Redacción |