O BNG di que no orzamento "hai máis investimentos propios" que no último goberno do PP
Por Redacción
O grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz, Lito Muíños, asegurou este domingo que os orzamentos de Ponte Caldelas para 2017 presentan un investimento propio que triplica o que o PP "foi quen de materializar" nos seus últimos catro anos.
Dun orzamento de 3,3 millóns de euros, Muíños destaca que se consignan 37.942 euros de fondos propios para investimentos, mentres que o anterior goberno destinou, segundo o BNG, 10.457 euros entre 2012 e 2015. "É dicir, só un terzo do que o actual goberno tripartito vai facer nun ano", afirman os nacionalistas.
Ademais, o portavoz do BNG recorda que o tripartito opta por segundo ano consecutivo por non pedir ningún crédito e seguir reducindo a débeda herdada, "que o PP disparou ata un millón de euros", en máis de 300.000 euros ao remate do próximo exercicio.
"Especialmente relevantes son os orzamentos que fixo o PP no ano 2013, cando a cifra de investimentos con fondos propios foi de 0 euros e só se alimentou este capítulo pola vía do crédito, é dicir, do recurso á débeda", afirman desde o partido nacionalista.
O portavoz do BNG subliña que o Concello está á espera da incorporación dos fondos procedentes do Plan Concellos "e recibiriamos coas mans abertas o que chegue da Xunta porque ata o de agora non chegou nada".
"O cambio no estilo de xestión é tan evidente", engadiu Muíños, "que resulta chocante atoparse coas valoracións do PP, que non sabe como atacar os orzamentos de 2017 porque, en realidade, non ten nada que dicir".
Relacionadas:
-
Por fin a Deputación celebra un pleno "normal": aburrido e con agasallos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Redución da débeda e baixada dos impostos, eixos dos orzamentos 2017 de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas presenta uns orzamentos "sociais" que o PP critica pola súa "parálise"
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas prevé reducir a súa débeda en 2017 ata os 588.000 euros
Por Redacción |