O xerente do CHOP, premiado polo seu labor en relación coas enfermidades pouco frecuentes
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) acaba de recibir un recoñecemento ao seu labor á hora de tratar a pacientes con enfermidades poucos frecuentes. O Instituto de Investigación e Desenvolvemento Social de Enfermidades Pouco Frecuentes considera ao seu xerente como o Mellor Xestor Hospitalario 2016.
O xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, recibiu o Premio EPF ao Mellor Xestor Hospitalario 2016 este venres nunha gala celebrada no Hospital Clínico San Carlos de Madrid, segundo informou o CHOP a través dun comunicado.
O Instituto de Investigación e Desenvolvemento Social de Enfermidades Pouco Frecuentes convoca cada ano os Premios EPF como recoñecemento a aqueles profesionais, institucións e persoas que co seu esforzo e apoio merecen unha mención especial polo seu traballo e dedicación a este tipo de patoloxías. No caso de José Manuel González, pretende recoñecer o seu traballo á fronte da institución sanitaria pontevedresa.
Con estes galardóns, a entidade pretende continuar potenciando a investigación, fomentado o estudo, as súas características e necesidades das enfermidades pouco frecuentes, así como promover un manexo asistencial e sociosanitario das mesmas.