O novo radar da Policía Local substituirá ao de Tráfico e sairá á rúa de forma puntual
Por Alejandro Espiño
Tras coñecerse que o Concello estaba a tramitar a compra dun radar para a Policía Local de Pontevedra, o goberno municipal matizou que este vehículo suplirá o labor que se realizaba actualmente o coche que cedía a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para levar a cabo campañas puntuais de control de velocidade.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, explicou que con este vehículo propio a Policía Local poderá deseñar as súas propias accións e non dependerá da dispoñibilidade do radar da DXT.
Ademais, reiterou que este radar non terá un afán recadatorio senón que será un elemento disuasorio para os condutores que infrinxan os límites de velocidade nas estradas do municipio.
Así, sinalou que non estará de forma permanente nas rúas senón que se utilizará de forma puntual e que, como se fixo nas últimas campañas, informarase previamente dos días nos que controlará a velocidade dos vehículos nos puntos máis sensibles da rede viaria municipal.
A adquisición deste radar forma parte dun plan de renovación do parque móbil da Policía Local e que inclúe, entre outras incorporacións, un novo furgón de atestados.